O pasado dia 16 Xullo tivemos coñecemento a cidadanía de Ferrol, de que a auga corrente non era apta para o consumo en razón dunha contaminación por trihalometano.
Precisamente ese día ás 10:30 horas unha delegación de MAREA ARTABRA tiña concertada unha xuntanza no Concello co Alcalde, xuntanza que tivo que ser suspendida debido a que este problema requiría a intervención directa de Jorge Suárez. Nesa xuntanza, que quedou adiada, un dos asuntos principais que Marea Ártabra íamos trasladarlle ao Alcalde, tiña que ver coa xestión da auga en Ferrol e o noso compromiso de colaborar activamente para poñer os medios e dar os pasos necesarios para a remunicipalización da súa xestión.
Os datos que imos coñecendo sobre este asunto -e que mesmo motivan a actuación da Fiscalía- reafírmanos na reivindicación de que o servizo de augas do Concello de Ferrol debe ser canto antes remunicipalizado, e prescindirse da parte empresarial privada que SEMPRE vai pór por diante o seu beneficio económico antes que o interese xeral e os dereitos da cidadanía.
Ferrol, 18 de xullo de 2015